top of page

Un bronce por equipos e dúas medallas individuais no nacional de tríatlon

Actualizado: 24 ago 2020

Mellor botín que sensacións nunha proba na que o equipo junior masculino logrou a medalla de bronce, Tania Garabatos o ouro no grupo de 35 a 39 anos e Elena Míguens o bronce en 45 a 49 anos




UN BRONCE JUNIOR QUE SABE A POUCO

Empezamos a análise polo remate coa actuación da expedición junior na mañá do domingo.

En féminas a nosa representante Sabela Rey obtiña un excelente 19º posto. Tras saír da auga bastante rezagada pois a proba disputábase en formato contra o reloxo e era das últimas en entrar en competición, sendo este o segmento que máis lle custa, protagonizaba unha gran remontada no sector ciclista, marcando o 11º parcial para rematalo cunha moi boa carreira a pe que a metía no top 20 nacional junior.

Pola súa parte o equipo masculino obtiña a medalla de bronce soamente superados polo Saltoky e o Tri Infínity Móstoles, no que supón a primeira medalla dun equipo junior na historia do noso club. Confirmouse así o gran potencial que neste 2020 tiña o equipo desta categoría, que pese as baixas e os infortunios en carreira logrou meterse nun podio estatal.

O primeiro tempo do club obtivo Víctor Bouzón, que logo de protagonizar unha gran natación onde saía en 8º posto, dispoñiase a achegarse aos postos de cabeza no seu segmento forte que é a bici, pero unha avería no cambio na primeira subida obrigabao a facer toda a bici a piñón fixo, baixando a correr no posto 37, para acabar facendo o que podía na carreira e cruzar a meta na 33ª posición. Martiño Iglesias era o segundo integrante en puntuar para o club nadando bastante por debaixo do seu potencial, como era de esperar despois dun ano que para el foi especialmente complicado. Malia todo marcou o 23º na natación, que consolidou na bici logrando baixar a correr en 26ª posición, sendo na carreira onde lle pasou factura a escaseza de adestramento, perdendo postos ata acabar na posición 40ª. Yago Carballo foi o triatleta que marcou o terceiro tempo do club obtendo na meta o posto 51º, logo dunha natación que completou no posto 55º, para remontar no ciclismo ata a posición 50, e non conseguindo consolidar a remontada na carreira a pe por unhas molestias físicas na parte final. Completaba a participación do Olímpico Marcos Borges protagonizando unha carreira de más a menos, como por outra parte foi nota predominante nos 4 deportistas junior, saíndo da auga na 51ª posición, perdendo algunha posición no ciclismo para baixar a correr na posición no posto 57ª e facérselle un pouco longa a carreira a pe, finalizando na posición 61 da xeral.

En definitiva queda un sabor amargo, porque éxitos maiores en circunstancias normais estaban ao alcance da man. Aínda así, hai que quedarse co enorme potencial que tiña o noso equipo junior nesta tempada, que pese as baixas de Xián Castro e Xoel Rodríguez e as circunstancias de carreira logrou subirse a un podio estatal. O primeiro dun equipo junior na historia do club.

GRAN ACTUACIÓN DOS NOSOS GRUPOS DE IDADE


O sábado pola tarde competian os grupos de idade, con grandísimos resultados para o noso equipo feminino con Tania Garabatos obtendo a medalla de ouro no seu grupo, Elena Míguens o bronce e Andrea Espiño quedándose coa medalla de chocolate cun cuarto posto no seu grupo de idade.

Tania Garabatos realizaba unha boa natación saíndo da auga na 2ª posición no seu grupo de idade, un gran sector ciclista permitialle deixar case decidido o primeiro posto xa nese segmento, o que lle permitía, pese a facérselle a última un pouco longa, manter con solvencia a posición. Finalmente lograba o título, nada máis e nada menos que campioa de España no grupo de 35 a 39 anos. Todo un éxito.

Elena Míguens logrou o bronce nun grupo de 45 a 49 anos onde o ouro e a prata estiveron carísimos. Saía bastante rezagada na auga e pese a protagonizar unha gran remontada no sector ciclista, e continuar a remontada na carreira a pe non era suficiente para subir outro escalón no podio. Aínda así espectacular o rendemento de Elena.

Andrea Espiño na xeral foi a mellor das 3 rematando 16ª e protagonizando unha moi boa natación saíndo na 10ª posición da xeral e na 3ª do seu GG.EE., perdendo algún posto no segmento do ciclismo pero mantendo o 3º cando empezaba a correr, e pese a remontar algunha posición na xeral, no seu GG.EE. houbo outra atleta más rápida e escapabaselle por menos de medio minuto a medalla de bronce. Aínda así grandísma actuación.

En homes non houbo medallas pero os nosos deportistas rendiron a gran nivel. Miguel Daporta obtiña o 6º posto no grupo de 40 a 44 anos, nunha carreira como nel adoita ser habitual de menos a mais. 12º na natación, remataba o ciclismo 9º para ocupar unha moi salientable 6ª praza en meta. Gran participación tamén de Fernando Fernández que remataba 8º no grupo de 45 a 49 anos, tamén nunha carreira de menos a máis. 19º na natación, deixaba a bici na 12ª posición e entraba coa carreira final no top ten da categoría. A terceira puntuación para o club douna Adrían Picallo, que facía unha carreira de máis a menos, na natación saía no posto 18º, conseguindo remontar no ciclismo ata o 16º para finalmente rematar na 22ª posición en 25 a 29 anos, nunha carreira que se lle facía un pouco longa. Completaba a participación nos grupos de idade Fran Cuenca, que como Adrián tamén realizaba unha proba de máis a menos. Saía da auga 12º, perdía ata a 18ª posición no ciclismo e entraba o 22º en meta no grupo de 35 a 39 anos.

A CATEGORÍA CADETE TAMPOUCO TIVO O SEU MELLOR DÍA

E rematamos a crónica polos que inauguraron a competición que fóron na mañá do sábado as e os triatletas da categoría cadete.

En categoría feminina Gabi Quintás remataba na 42ª posición nunha carreira bastante plana onde saía da auga na posición 50, mantendo en ciclismo e recuperando na carreira pero non tanto como indicaba o estado de forma no que chegaba a proba. Pola súa parte Andrea Iglesias acadaba a 63ª posición pese a haber atragantádoselle un pouco o segmento acuático, recuperando un chisco no ciclismo e cunha máis que aceptable carreira a pe. O positivo en ambos casos, que fixeron dúas carreiras en positivo, remontando posicións e que lles queda un ano máis na categoría, de ahí a importancia dos postos obtidos, que de manter os criterios o próximo ano, lles permitirán sair ben colocadas no campionato. En categoría masculina, o noso único representante André González remataba na posición 98ª. Realizaba unha natación ao seu nivel, pero a escaseza de volume de adestramentos en bici, facíalle perder posicións, e o que é peor lastraba definitivamente a carreira final onde perdía posicións ata rematar na posición mencionada.

Así pois, unha competición na que hai que louvar moi positivamente o traballo a reo da organización para a volta a competición en condicións de seguridade, pero que por contra en negativo hai que dicir que é un formato que non deixa de ser descafeinado. O deporte é espectáculo e se o público non o pode ver e sentir de preto perde a súa esencia para este e para os deportistas. O balance a nivel de club ten bastante de paralelismo coa volta a nova normalidade das competicións: como aspecto positivo importantes éxitos como son os 3 metais nun campionato de España e as 3 puntuacións para o ranking de clubes (absoluto masculino, absoluto feminino e junior masculino) categorías nas que non tiñamos puntos o ano pasado, pero que deixa como balance negativo que a nivel competitivo, por un ou outro motivo, varios das e dos nosos triatletas non lles fixo xustiza a calidade que teñen.

Por último, agradecer e felicitar a todas e todos os integrantes da expedición por haber sido capaces de manterse activos neste verán de incerteza e completar esta actuación en Pontevedra. Tamén por demostrar unha vez máis, que pese aos infortunios ou o mal que se pase na carreira, non se lles pasara pola cabeza abandonar, pois sempre teñen presente que o obxectivo común como equipo e o obxectivo. Gracias e parabéns!!

non_a_violencia_de_xénero.png
non.png
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
bottom of page