top of page

CARLA PÉREZ E MANUELA RAVIÑA ROZAN O PODIO COA SELECCIÓN GALEGA


Na súa primeira presenza co combinado autonómico, puxeron o seu gran de area para acadar o 5º posto na categoría feminina, que sumado o 4º da escadra masculina dalle a Galicia o 4º posto globar no Campionato de España sub16 por autonomías

Esta non era unha fin de semana calquera para Carla e Manuela, pois as dúas debutaban nun campionato de España coa selección galega no que é tamén o seu ano de estrea na categoría cadete. O mero feito de estar presentes na cita celebrada este sábado e este domingo en Avilés, acompañadas polo seu adestrador no noso club como parte do corpo técnico da selección galega, xa constituía un motivo de satisfacción, pero como non podía ser doutra maneira no soamente se conformaron con participar, senón que deron a mellor versión de si mesmas.

O campionato de España de seleccións autonómicas sub16 celebrábase na cidade asturiana de Avilés esta fin de semana. Na xornada do sábado Carla rebaixaría en 4 décimas a súa plusmarca persoal nos 300 metros lisos, parando o crono en 42 segundos e 19 centésimas, para ocupar a 12ª posición, mentres que Manuela Raviña lograba clasificar para a final de 100 metros lisos logo de deter o crono en 13 segundos exactos (a so 5 centésimas da mínima para o campionato de España individual), obtendo así tamén a súa mellor marca persoal. Xa na final do domingo non lle saíu tan boa proba, pero conseguía rematar na 15ª posición.

Tamén na xornada do domingo as dúas atletas do Olímpico participarían no equipo de relevos, Manuela Raviña formou parte do relevo 4x100 acadando xunto a Alba Cuns, Lucía Sánchez e Natalia Meaños, proba na que acadaría o posto 13º cun tempo de 50 segundos 82 centésimas. Pola súa parte a un so chanzo do podio quedou Carla Pérez como integrante do relevo 4x300, que xunto a Carmen González, Natalia Meaños e Belén García, conseguían rematar en 2 minutos 49 segundos e 81 décimas, soamente superadas por Andalucía, Cataluña e Madrid.

Finalmente a selección galega feminina remataba con 210 puntos na 5ª posición, superada por Cataluña, Madrid, Andalucía e Castela e León. O combinado masculino sumaba 227 puntos so superados por Cataluña, Madrid e Andalucía, que foron á postre as seleccións que quedaron tamén por diante de Galicia no cómputo global, onde a nosa escadra foi tamén cuarta.

En definitiva unha gran experiencia e un gran rendemento das nosas atletas na que é a súa primeira proba a nivel estatal, na que ademais rendiron a moi bo nivel. En só 15 días Carla terá a súa oportunidade no campionato de España individual en Castellón, logo de acadar as mínimas nas probas de 100 e 300 metros lisos, converténdose na segunda deportista do club, despois de Nerea Ruanova (medalla de bronce en 2012) en obter mínima para un campionato de España individual. Polo de pronto parabéns!!


non_a_violencia_de_xénero.png
non.png
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
bottom of page