top of page

A selección galega de cross convoca a César Otero


A pesar de que problemas de calendario non lle van permitir acudir a esta chamada é un estímulo a súa gran progresión en poucos anos


Esta semana chegoulle a César a chamada da selección galega de cross na categoría junior para o campionato de España de cross que se disputará en Mérida o 11 de marzo, algo que xa era esperado logo de acadar a medalla de bronce o pasado 4 de febreiro en Ribadavia. Malia que non vai poder acudir a cita por motivos de calendario, debido a que nesa mesma fin de semana se disputa o campionato de España de duatlón por clubes onde participamos, o solo feito da chamada constitúe un premio a súa gran progresión.

A coincidencia no calendario das dúas citas, e a proximidade do campionato de España junior de duatlón, unha das principales citas da tempada para César, fan que se decantara por estar presente en Boiro o 10 de marzo, na proba na que o club se xoga parte do futuro na liga nacional de duatlón, con dous propósitos, axudar ao club e ultimar a preparación para o campionato de España de duatlón en categoría junior, que se celebrará en Avilés o 7 de abril, e que é unha das súas datas marcadas en vermello esta tempada.

No obstante, unha chamada da selección galega non chega tódolos días pois é a decimosexta vez que iso ocorre a un deportista do Olímpico de Vedra nos case 13 anos de existencia do noso club e César convértese no 10º en logralo. Ten ademais especial mérito, pois é en categoría junior, unha idade onde os atletas xa tenden máis a especialización e el non practica atletismo en exclusiva. Outro dos motivos que fan moi meritoria a convocatoria é porque a súa toma de contacto co triatlón e o atletismo foi a finais de 2013 o que da mostra dunha imparable progresión en pouco máis de 4 anos. Nese tempo logrou 5 podios autonómicos en diversas modalidades (cross, triatlón, duatlón e acuatlón) ademais de grandes resultados co club, como formar parte do equipo que se proclamou 2 veces campión absoluto de duatlón contrareloxo, do equipo cadete que foi campión galego de duatlón, ou dos ascensos as ligas nacional de duatlón e triatlón, entre outros.

Así pois, unha boa nova que recoñece ademais do talento, o traballo e o sacrificio diario, e que serve de acicate para seguir loitando diariamente, pois os resultados e recoñecementos non son máis que unha consecuencia da constancia e como el adoita dicir, de facer o que lle gusta e disfrutalo.

Parabéns!!


non_a_violencia_de_xénero.png
non.png
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
bottom of page