top of page

PODIUM NO CAMPIONATO DE ESPAÑA


Histórico bronce para o equipo masculino no campionato de España de tríatlon en categoría de promoción, que deixa ao Olímpico as portas da segunda división. O equipo feminino acaba nunha meritoria sétima posición, pero lonxe dos postos de podio


Xornada histórica a vivida esta fin de semana no campionato de España de tríatlon por clubes que se disputaba na cidade asturiana de Xixón. Nin os cambios de regulamento, nin as baixas lograron intimidar aos nosos deportistas, que tanto en categoría masculina como feminina saíron a dalo todo e acadaron un terceiro posto na proba masculina, soamente superados polo Tritrainforyou de Málaga e o Rayoteam de l'Hospitalet de Llobregat, e o sétimo posto na proba feminina.


O que inicialmente ía ser o grande obxectivo da tempada, víase trastocado a primeiros de ano, cando a Federación Española de Tríatlon cambiaba a normativa e limitaba os ascensos e descensos de categoría a dous, en lugar de cinco como fora ate o momento. Aínda así, o Olímpico seguíu a traballar na conformación dunha plantilla con mezcla de veteranía e xuventude e tiña todo predisposto para presentar dous equipazos na liña de saída cando, no mes de agosto se atopaba con que a federación sacara xa en xaneiro unha especie de anexo, chamado normativa de competicións, que complementaba o regulamento de competicións e o regulamento específico de cada proba, limitando a participación por cada equipo a un deportista non español. Esta normativa, se ben tiña que ser coñecida polo clube e asume o erro, tampouco fora advertida por outros equipos, pois é tal a cantidade de regulamentos e cambios que emite e incumple reitaradamente a federación española, que resulta realmente difícil seguilos. Esta medida é ademais inxusta, porque a condición non é ser español, é únicamente residir en territorio nacional aínda que non se conte coa nacionalidade e, no caso do Olímpico, pese a ser deportistas que xa forman parte da familia, residen en Portugal. Con este novo escenario o club perdía a dous dos seus mellores deportistas tanto na categoría masculina como feminina. Pero é que o asunto aínda se complicaba máis, porque na categoría masculina non podía particpar Anxo Lema, outra das pezas importantes, estudando en Arxentina cunha beca erasmus, e xa para rematar, nas vésperas da proba, na categoría feminina tamén se perdía a Bea Lago por enfermidade. Malia todo, non quedaba outra que loitar coa seguridade de que se ía facer un bo papel, que finalmente superou as espectativas.

PROBA MASCULINA

Medalla de bronce e a certeza que o ascenso está ao alcance da man


A actuación dos 10 representantes do club foi espectacular, dando cada quen o mellor que tiña ese día e superando molestias físicas e semanas difíciles no caso dalgúns deportistas. O club saía co número un, encarando o sector de natación onde o primeiro en sair da auga, entrando no segundo grupo, era Víctor Bouzón, seguido de Luís Ferreira e un pouco máis atrás Marcos Dobalo, precendendo a Cesar Otero e Jacobo Crego seguidos de preto xa por Pablo Cabanelas e Miguel Daporta. Un pouco máis rezagados, pero en zona de opcións, saían Isma Carballo, Sergio Oliveira e Manuel Dosil.

O sector ciclista foi unha exhibición de Jacobo Crego, que marcando un dos mellores parciais da proba baixaba a correr moi pretiño do segundo grupo, xunto con Luís Ferreira e onde aguantaba o ritmo Víctor Bouzón. No seguinte grupo aguantaban Marcos Dobalo e Cesar Otero, mentres que Pablo Cabanelas e Miguel Daporta acababan enlazando con eles. Por atrás Isma Carballo e Sergio Oliveira encabezaban outro grupo, ao que non dou chegado por pouco Manu Dosil.

A carreira final foi apoteósica, cos 10 integrantes do club na primeira metade da taboa clasificatoria. Víctor Bouzón resistía e remataba na 21º posición, moi pretiño del Jacobo Crego era 24º e Luís Ferreira, 30º, Miguel Daporta e Manu Dosil protagonizaban dúas tremendas remontadas acabando 66º e 91º respectivamente. Isma Carballo tamén progresaba ata a 96ª posición con Sergio Oliveira 104º e Cesar Otero (116º), Pablo Cabanelas (122º) e Marcos Dobalo (143º) aguantaban as súas posicións completando a proba nun extraordinario posto a 137 puntos do ascenso de categoría.

A lectura que hai que facer da proba soamente pode ser positiva e sobran motivos para crer en que é un obxectivo ao alcance da man. Este equipo é unha mezcla de xuventude e veteranía, e de non ser por certos detalles xa se houbera ascendido este ano. A ausencia de Anxo, que estará en 2017 e que liderou ao equipo o ano pasado en Murcia, o imparable crecemento dos cadetes reflexados en Víctor Bouzón que con 15 anos foi o primeiro do club en Xixón, ou Cesar Otero con 17, que pese a non estar por problemas de saúde na súa mellor version nesta proba, lideraba ao equipo no campionato galego o pasado mes e que xunto aos seus compañeiros Marcos Dobalo (17 anos) e Carlos Sendiña (14 anos) teñen que dar moitas alegrías a esta escadra. A evolución dos veteráns, pero que teñen aínda moito que dicir (e moito que aportar as novas xeracións) como Jacobo Crego ou Manuel Dosil, a solidez de Miguel Daporta, Pablo Cabanelas e Sergio Oliveira e a xuventude de Isma Carballo e Luís Ferreira, xunto con outras incorporacións e outras realidades que xa forman parte do club, debuxan un futuro próximo moi prometedor para a escadra vedresa.

PROBA FEMININA

Repetición do sétimo posto acadado o pasado ano en Águilas


A proba feminina partía co gran handicap de presentar na liña de saída a soamente 9 deportistas, das 10 que compoñían o equipo, pola baixa de Bea Lago que por problemas de saúde non podía viaxar a Xixón, perdendo así a unha das súas bazas seguras para a puntuación do club.

Excepcional actuación para Sofía Hipólito, que dende o primeiro momento tomou a cabeceira da proba na natación, completandoa en primeira posición e manténdose no grupo cabeceiro de ciclismo, para finalmente rematar nunha espectacular cuarta posición na carreira a pé. Por detras dela saía da auga Katia Senín, precedendo en excasos metros a Ángela Chapela, mentres que un pouco máis atrás saían Tania Suárez, Rita Cabanelas, Aída García e Tania Garabatos; un chisco mais retrasada a cadete Alba Lorenzo e más atrás Marta Suárez.

No sector ciclista, controlado en todo momento por Sofía Hipólito, Katia Senín mantiña a posición no grupo no que saíra da auga, ao igual que Ángela Chapela, mentres que Aída García protagonizaba unha gran remontada, Tania Garabatos progresaba e Rita Cabanelas, Tania Suárez, Alba Lorenzo e Marta Suárez trataban de manter posicións.

Na carreira final Sofía Hipólito víase superada no treito final por dúas competidoras, despois de marchar do segmento a pé en segunda posición, pero rematando igual nunha sobervia 4ª posición. Ángela Chapela e Aída García protagonizaban unha gran remontada a pe, rematando nunhas destacadas 23ª e 32ª posición. Katia Senín (41ª), Tania Garabatos (65ª) e Tania Suárez (81ª) e Rita Cabanelas (101ª) mantiñan o tipo na carreira final e outorgaban as sete prazas que entraban dentro do límite do 25% máis do tempo empregado polo primeiro clasificado. Lástima que Alba Lorenzo (118ª) e Marta Súarez (120ª) se quedaran a menos de 3 e 5 minutos de entrar no tempo de corte.

Finalmente sétimo posto, que era quizais ao máximo que se podía aspirar nesta xornada. Non obstante, con Bea Lago no equipo e dúas integrantes máis que houberan pasado o tempo de corte houbérase gañado a competición. O balance ten que ser positivo e as espectativas futuras son tamén favorables. Alba e Marta quedaron fora de tempo de corte, pero é ben certo que levan a penas 4 meses nadando, polo que a marxe de progresión é enorme. Sofía Hipólito ou Sofía Pereira (ausente nesta competición) teñen unha calidade excepcional para o tríatlon, e o resto das integrantes Ángela, Aída, Katia, Tania G., Tania S. e Rita, xunto coa esta vez ausente Bea, ademais de ter marxe de mellora, outorgarán grandes postos cada unha dentro das súas posibilidades. Isto, xunto con algunha nova incorporación e algunha cativa que chegue ao primeiro equipo dende as categorías menores, consolidarannos como un gran candidato ao ascenso na vindeira tempada.

DESCANSO E NOVA TEMPADA

Chegan agora unhas semanas de descanso para os nosos deportistas, pero onde a maquinaria do club, xa inmersa no inicio das escolas deportivas, non parará na procura de obxectivos para a vindeira tempada. A liga nacional de dúatlón, onde se está en segunda división, os campionatos galegos, e os campionatos de España de categorías cadete, junior e sub23, serán grandes obxectivos para a tempada 2017. Así como tamén o será seguir a consolidad as escolas deportivas. Non obstante, non se descarta ningunha sorpresa, e que finalmente o equipo masculino poida ascender, en caso de que exista algunha renuncia, a liga nacional de tríatlon


non_a_violencia_de_xénero.png
non.png
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
bottom of page