Preto dunha trintena de deportistas en Guitiriz, Rivadavia, A Pobra do Caramiñal e Vigo e colaboración do club na casa coa Ruta BTT e o Trail da Camelia en Vedra
Chega unha fin de semana cargadísima de competición, para facer boca para o que vai ser o primeiro prato forte da tempada o domingo 21 coa participación dos nosos equipos masculino e feminino na 2ª división da Liga Nacional de Clubes de Duatlón en Boiro. Pero antes, esta fín de semana cinco serán as frontes onde o club dun xeito ou outro terá representación.
CAMPIONATO GALEGO DE MARCHA EN RUTA
Disputarase o sábado sobre un circuito urbano polas rúas da vila de A Pobra do Caramiñal coa presenza de 6 marchadores das escolas do club. Frans de Roo e Tareixa Pose en categoría alevín, Noela Baltasar, Iria Ferreiro e Icía Nogueiras en infantil e Alba García en cadete. A categoría alevín disputarase sobre unha distancia de 2 quilómetros, a infantil sobre 3 e a cadete sobre 5 quilómetros. As probas darán comezo as 15:45.
DUATLÓN DE GUITIRIZ
Tamén o sábado a tarde dispútase en Guitiriz a primeira proba puntuable para o circuíto galego, que outorga as primeiras prazas para o campionato galego. Aínda que a maior parte dos nosos deportistas decidiron reservarse para o prato forte da semana seguinte, catro serán os representantes: Katia Senín en categoría feminina e Jacobo Crego, Sergio Oliveira e Julio Mallo en masculina, todos eles na procura de clasificarse xa para o campionato galego do mes de abril en Lugo.
NADA E CORRE
Xa na mañá do domingo, terá lugar o segundo e último clasificatorio para o campionato galego de Nada e Corre, nas instalacións deportivas das Travesas en Vigo. 16 serán os nosos representantes, que buscarán unha praza para o campionato galego.
CAMPIONATO GALEGO DE CROSS LONGO
A mañá tamén do domingo en Rivadavia terá lugar o Campionato Galego de Campo a Través individual nas categorías Promesa e Absoluta sobre un circuito técnico e xenuino de Campo a Través de 10 km. Alí estarán presentes dous representantes do club na categoría promesa, que serán Anxo Lema e Nicolás Villanueva.
RUTA BTT E TRAIL DA CAMELIA
E por se fora pouca competición, a nivel organizativo o club tamén colaborará con apoio loxístico na Ruta Btt e do Trail da Camelia, que organiza o concello de Vedra e que este ano conta entre as dúas probas con máis de 400 inscritos