top of page

O Olímpico de Vedra feminino 5º e o masculino 8º na 2ª división da Liga española de Tríatlon 2020

Nunha competición reducida e condicionada pola COVID19, condensada en 4 xornadas disputadas en Banyoles e Roquetas de Mar o equipo feminino debutou e o masculino retornaba a 2ª división estatal neste ano.


Esta pasada fin de semana remataba a liga nacional de tríatlon, que finalmente vía como as 7 xornadas previstas se quedaban en 4. A primeira delas disputada en setembro na localidade catalana de Banyoles e as 3 restantes este sábado e domingo na cidade andaluza de Roquetas de Mar.


Debido a difícil situación sanitaria, na competición foron anulados ascensos e descensos de categoría previamente, para que os equipos non se viran prexudicados nin condicionados. Non obstante, nun alto porcentaxe decidiron tomar parte na competición, iso si, lastrados por ter que afrontar competicións fora de tempada e nunha tesitura previa onde non se deron as condicións ideais para os adestramentos. O Olímpico de Vedra non escapou a estes condicionantes, e desgastado como todos os clubes por unha situación incerta, onde a meirande parte das competicións foron suspendidas e as poucas que se celebraron sufriron continuos aprazamentos, logrou completar a liga nacional con éxito.

O equipo feminino debutaba neste 2020 logrando un meritorio 5º posto na 2ª división, que está configurada nese sexo por 16 equipos. o 10º posto logrado no relevo mixto en Banyoles, xunto ao 5º posto logrado nas 3 xornadas disputadas en Roquetas outórganlle finalmente esa meritoria competición, que os sitúa neste 2020 como a 20ª escuadra nacional, se temos en conta os 15 equipos da primeira división.

O equipo masculino regresaba neste 2020 tras un fugaz paso pola división en 2018, para finalmente rematar na metade da táboa ocupando o 8º posto, posto que ocupou nas 4 xornadas que conformaban a competición.


Completada así a tempada 2020 de tríatlon con éxito, toca agora centrar os obxectivos nas 2 citas que restan da liga de dúatlon, onde si están en xogo ascensos, e poñer xa o punto de mira en preparar un 2021 no que desexamos se poida competir en mellores condicións, aínda que a tempada comece máis tarde.


Unha tempada a vindeira, na que a dificultade vai ser maior e na que cada peza do club vai ter que sacar o mellor de si mesma se o obxectivo é permanecer dentro do conxunto de clubes da elite estatal. Compre ter en conta que este 2020 os nosos rivais e nós mesmos competimos moi lastrados e pese a que estamos orgullosos do esforzo e do rendemento dos nosos equipos, debemos seguir preparándonos e mellorando. En 2021 necesitaremos a tod@s @s integrantes do club en plena forma para estar nesa pelexa pois a realidade que nos atoparemos de seguro será ben diferente.

Polo de pronto, o noso recoñecemento e admiración pola entrega e, como non, pola actuación nesta liga nacional de tríatlon 2020. Parabéns!!!

non_a_violencia_de_xénero.png
non.png
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
bottom of page