O duatlón Ocean Lava Galicia bate records un ano máis


105 equipos e preto de 600 deportistas, coa presenza por primeira vez dun equipo de fora de Galicia, son a carta de presentación do duatlón de Vedra nas series mundiais Ocean Lava Planet.

O pasado 9 de marzo non foi un día calquera para o noso club. Tiña lugar por 6 ano o duatlón de Vedra, que dende que aló polo ano 2014 arrancara con preto de 250 deportistas como o maior duatlón de ámbito autonómico, non deixou de medrar ata a impresionante cifra record deste ano, duplicando a calquera outro evento destas características que se celebre nesta modalidade en Galicia.

O aval de solvencia organizativa amosado en anos anteriores polo club Olímpico de Vedra, permitíu que este 2019 o noso concello entrara a formar parte das series Ocean Lava Planet, un circuíto a nivel mundial con probas en España, Portugal, Chipre, Italia, Eslovenia, malta, Bélxica, Polonia, Croacia, Grecia, Irlanda e mesmo Sudáfrica. Ademais, co inmenso honor de recibir ao fundador das Ocean Lava Planet Series e pai do triatlón en España, Keneth Gasque, director de carreira e fundador do mítico Ironman de Lanzarote e de moitos outros eventos e unha personalidade mundialmente recoñecida no mundo do triatlón.

Na proba déronse cita 105 equipos, e por primeira vez aberta a equipos de promoción e doutras comunidades rexistraba a primeira participación dun equipo de fora da nosa comunidade e contaba coa presenza da campioa do mundo de paratriatlón e diploma paralímpica Susana Rodríguez.

Ademais de parte das series Ocean Lava, a competición tamén constituía o campionato galego na modalidade de contra o reloxo por equipos, resultando vencedores en categoría feminina o Náutico de Narón e na masculina o Triatlón Boiro. O Olímpico de Vedra non podía este ano repetir os podios de anos anteriores, malia o que acadaba unhas moi meritorias 5ª posición na proba feminina e 6ª na masculina, con dous equipos moi xóvenes e con moito recorrido. Ademais 4 equipos mais do Olímpico de Vedra tomarían parte na proba open, coa terceira posición para o equipo feminino.

Facer que a proba resultase un éxito non foi sinxelo, pois un dispositivo de máis de 100 persoas entre staff, voluntarios, xuices, membros de protección civil, e equipos técnicos e de emerxencias traballou intensamente durante a xornada e nos días previos para que todo fose un éxito. O balance inmellorable, cunha climatoloxía favorable, máis de 2000 persoas entre deportistas e espectadores deronse cita na pista de rodadura de Vedra e a organización non parou de recibir eloxios dende todas as frontes.


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com