Carla Pérez e Manuela Raviña convocadas pola selección galega sub 16 de atletismo


As atletas do Olímpico de Vedra, medallistas no pasado campionato galego participarán en Avilés no campionato de España de atletismo por autonomías


Estupenda nova a que recibiron esta semana as nosas dúas atletas ao ser convocadas pola selección galega de atletismo para a disputa do campionato de España de seleccións autonómicas sub 16, que terá lugar en Avilés os días 16 e 17 de xuño.

Esta convocatoria ten gran mérito pois as dúas deportistas se estrean este ano na categoría cadete, na que irrumpiron con forza, e con esta convocatoria convértense na 11ª e 12ª deportista do club en ser convocadas pola selección galega para un campionato de España.

Carla é convocada para competir na proba dos 300 metros lisos despois de facer unha gran tempada, estreandose na categoría coa medalla de prata no campionato galego de pista cuberta, o que lle valeu para ser convocada a unha concentración do sector de velocidade da federación galega. Posteriormente realizou as mínimas para o campionato de España individual tanto nos 100 coma nos 300 metros lisos e refrendou a súa presenza na selección logo de acadar o título de campioa galega o pasado fin de semana na proba dos 300 metros lisos. Tratándose dunha atleta con moi boas prestacións tanto en 100 como en 300 metros lisos, é moi probable que tamén sexa a integrante dun dos relevos: o 4x300 ou o 4x100.

Manuela tamén tivo unha boa estrea na categoría, pois pese a non lograr podio nos campionatos de pista cuberta si que realizou unha gran actuación con dous quintos postos e duas marcas persoais en lonxitude e 50 metros lisos. A pasada fin de semana logrou a medalla de bronce nos 100 metros lisos, quedando ademais moi pretiño da mínima para os campionatos de España individuais, e será finalmente nesta proba na que sexa a representante da selección galega. Manuela ao igual que Carla, conta tamén con grandes posibilidades de formar parte do relevo 4x100.

Así pois parabéns as nosas dúas atletas por esta convocatoria que constitúe xa un premio a súa excelente tempada e será unha experiencia na que más aló do resultado que acaden, seguirán a aprender e mellorar como deportistas, aínda que de seguro realizarán unha gran actuación. Moita sorte e disfrutar a experiencia ao máximo!!


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com