8º posto no campionato de España de duatlón de media distancia e bo facer no duatlón de Santiago


O 8º posto de Orihuela, onde Adrian Picallo foi bronce en 20 a 24 anos, eleva ao club ata o 14º posto do ranking estatal. En Santiago, podio para o equipo masculino e feminino, que dan 2º posto da Superliga Galega Beone nas duas categorías, mentres a canteira segue a progresar.

A pasada fin de semana o club voltou a acadar un novo fito histórico logo de igualar a súa mellor clasificación nun campionato de España en categoría absoluta masculina ó lograr o 8º posto no campionato de España de duatlón de media distancia, disputado na cidade de Orihuela na mañá do domingo.

A actuación en elite de Jacobo Crego, nunha excepcional 25ª posición, Miguel Daporta nun moi salientable 39º posto e Antón Barreiro, debutante en elite rematando no 69º lugar e peza fundamental, pasando o corte e posibilitando a puntuación dos 3 integrantes do club en elite facían que o club igualase a súa mellor actuación histórica, un octavo posto, ao igual que o ano pasado no campionato de España de clubes en Avilés. Tamén en Orihuela, para asegurar a clasificación, estaban en grupos de idade Adrián Picallo e Julio Mallo. Adrián viña para a casa con unha moi meritoria medalla de bronce no grupo de 20 a 24 anos e Julio remataba nunha nada desmerecedora 15ª posición no grupo de 35 a 39 anos.

Esta actuación eleva ademais ao clube ata a 14ª posición do ranking nacional de clubes de triatlón, a mellor posición da nosa historia, que non deixa de ser un fito para un concello de a penas 5000 habitantes, nunha clasificación onde estan rankeados máis de 300 escadras de toda España. Así mesmo, as actuacións de Jacobo, Miguel, situándose individualmente nunhas excelsas 5ª e 6ª posición na Copa de España de duatlón e Adrián, que ascende ata o 13º posto, outórganlles moitas posibilidades de ser da partida na proba elite do campionato de España de duatlón sprint, que terá lugar en Abril en Avilés

No duatlón Cidade de Santiago nov@s clasificados para o galego e 3º posto para o equipo masculino e feminino que sitúan aos dous equipos no segundo posto da Superliga Galega Beone

A desapacible xornada do sábado tiña lugar o XVI Duatlón Cidade de Santiago, onde pese a ter que desdobrarse, o noso club acadaba a 3ª posición tanto en categoría masculina como feminina. Ademais, este resultado permíten ao Olímpico seguir na loita pola superliga Beone, que tras a disputa de 2 xornadas deixan ao club na 2ª posición tanto en categoría masculina como feminina.

A nivel individual houbo un bo número de clasificados para o campionato galego. En categoría masculina Ismael García remata en 8ª posición e lograba así o pase para a final autonómica. Así mesmo, o 11º posto de Juan Cepeda (2º veterán) e o 13º de Jorge Ferrandáns, os dous xa clasificados na proba de Lugo, daban o 3º posto ao club na proba. Tamén lograría o pase para o campionato galego Víctor Bouzón na posición 26ª da xeral (1º cadete) e no límite debeu quedar Pablo Cabanelas no 46º posto. A actuación destes, xunto coa do debutante André García, que participaba na proba sen corte de tempo, outorgaban ao club a 4ª posición na xornada da Superliga Beone, permitíndolle así manterse en postos de podio, malia perder o liderato da mesma. Lástima que por mor do frío agravado pola intensa choiva que caíu durante a proba sen corte, Alejandro Argibay non puidese rematar a proba.

Na proba feminina o club, grazas aos postos 11º de Elena Miguens (2ª veterana), 15º e Tania Garabatos e 16º de Rita Cabanelas, lograba tamén a 3ª posición no duatlón. Estas 3 xunto con Johana Torres que tamén subía ao podio como 3ª clasificada veterana, e Marta Suárez, 19ª e 21ª respectivamente, dábanlle ao club a segunda posición na xornada da Superliga Beone feminina, ascendendo ata o mesmo posto na clasificación xeral, ao tempo que as 5 lograban o billete para o campionato galego individual.

O Duatlón Escolar Cidade de Santiago tamén da mostras dos avances da canteira

Durante a mañá do sábado 3 de marzo, acudían a cita co duatlón escolar @s integrantes da nosa escola con dous firmes propósitos: non sufrir percances na desapacible mañá e lograr o pase para o campionato provincial. Misión cumplida, pois tod@s @s que non lograran o pase na proba disputada en Carballo 15 días atrás, fixérono na proba compostelana.

En categoría benxamín Yeray Valle era sexto, mentres que Pedro Iglesias era décimoprimeiro. A alevín María Pereira facía o seu debut rematando na 16ª posición, mentres que en categoría masculina Arón Lorenzo era 11º, Brais Otero 39º, Hugo Cea 40º e Xandre Pomar 45º. Xa na proba infantil Gabi Quintás e Andrea Iglesias eran 8ª e 12ª respectivamente e David Amigo 7º. Por último, en cadete Xián Castro remataba en 4ª posición acariñando o podio e André González entraba en meta no posto 32º.

En resumo unha gran fin de semana de duatlón, onde a pesares de ter que desdobrarse, o club camiña con paso firme cara os seus obxectivos.


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com