O campionato de España sprint deixa ao club con opcións de seguir en primeira



Os postos 11º para o equipo absoluto feminino, 15º para o masculino, 6º do sub23 masculino, 8º do junior masculino e 11º do cadete masculino, deixan un bo balance do campionato e manteñense as esperanzas de seguir en primeira

O 1 e 2 de abril disputouse na localidade castellonense de Vall d'Uixo o campionato de España de duatlón distancia sprint, que ademais de ser o campionato de España elite e de categorías constituía a 3ª xornada da liga nacional de clubes. O balance xeral da participación do club foi satistactorio, pois mantéñense as opcións de seguir na pelexa por manterse na primeira división. Ademais, a canteira mostrou un moi bo nivel especialmente César Otero, que chegou a liderar a proba junior e rematou en 14ª posición e Víctor Bouzón, que sufríu unha caída nos primeiros metros do sector ciclista e malia todo rematou en 34ª posición.

EQUIPO ABSOLUTO FEMININO

Apostouse a todo ou nada ao inscribir a 5 das nosas 7 deportistas na proba elite e a aposta saíu ben. 11º posto por equipos, clasificación para a que puntuaban soamente 3 deportistas, pero 2º posto para a liga, onde é necesario puntuar con 5 deportistas.

Malia non acadar postos significativos en elite, Sofía Hipólito 54ª, Tania Garabatos 70ª, Katia Senín 74ª, Susana Nieto 76ª e Alba Caamaño 77ª, cumprian co obxectivo marcado e daban un grandísimo resultada cara o obxectivo de manter o ascenso. Previamente na proba de grupos de idade a actuación de Tania Suárez, 14ª en 20 a 24 anos xa daba certo colchón ao club para a consecución do obxectivo prefixado.

Este resultado permite ao equipo feminino ascender ata o 7º posto en primeira deixandoo con 19 puntos de vantaxe sobre os postos de descenso, co que se na última proba non queda a máis de tres postos dos seus rivais directos (Montilla Córdoba e Stadium Casablanca) manterá a categoría, algo que parecía case imposible despois de todos os contratempos e lesións xurdidas nestes dous meses.

EQUIPO ABSOLUTO MASCULINO

O equipo masculino ocupou a 15ª posición no campionato e a 9ª na primeira división da liga, logo de competir con 4 deportistas no campionato de España elite, que fixeron o posible na loita directa contra os equipos que se encontraban na mesma situación que nós. 52º posto para Manu Dosil, 75º para Jacobo Crego, 78º foi Miguel Daporta e 85º Anxo Lema, nunha proba a que soamente teñen acceso 100 deportistas de toda España. A puntuación para o equipo absoluto completouna na proba de grupos de idade Adrián Picallo (66º en 20 a 24 anos), que xunto coas actuación de Pablo Cabanelas (40º en 35 a 39) e Pablo Martínez (96º en 20 a 24) daban certa seguridade a puntuación do club, aínda que conscientes de que na proba masculina o feito de que non puntuase un dos 4 deportistas que levabamos en elite deixarianos case sen opcións.

Na categoría masculina manter a categoría aínda que é posible, non vai ser tarefa facil. O noso club precisa avantaxar na última proba ao Triatlón Santander en 3 posicións e ao Marlins Triatlón Madrid en 4, e se se mira a outros rivais o reto é aínda maior pois hai que meter entre medias 6 postos no campionato de España de clubes.

EQUIPO SUB 23 MASCULINO

O equipo sub 23 masculino obtiña un gran 6º posto en gran parte fundamentado pola participación de Anxo Lema en elite, rematando 14º en sub 23. Non obstante as participacións no grupo de 20 a 24 anos de Adrián Picallo (66º) e Pablo Martínez (96º) facían ao equipo sumar un importantísimo número de puntos para o ranking de clubes.

EQUIPO SUB 23 FEMININO

O equipo sub 23 feminino non tivo a mesma sorte e non podía revalidar o subcampionato de España acadado en 2016 e Cerdanyola. As participacións en elite de Sofía Hipólito e Katia Senín non eran suficiente, logo do abandono por indisposición de Raquel Vaamonde no grupo de 20 a 24 anos. Un dos riscos que se corren cando soamente se vai con 3 deportistas dunha categoría. De tódolos xeitos ao máximo que podían aspirar era a un 6º posto, pero aínda así sería, como no caso do equipo masculino un estupendo botín para o ranking de clubes.

EQUIPO JUNIOR MASCULINO

O equipo junior masculino obtiña un gran 8º posto, aportando así novos puntos para o ranking. Este resultado fundamentouse na excepcional proba de César Otero, que chegou ata a liderar a proba no segmento ciclista, para finalmente rematar nunha grandísima 14ª posición. Moi boa actuación tamén para Joaquim Cerqueira 44º e Marcos Dobalo 57º. Hai que ter en conta que son ademais os 3 debutantes na categoría, polo que en 2018 repetirán en junior, creando así unhas grandísimas expectativas.

EQUIPO CADETE

O equipo cadete obtiña a 11º posición, mantendo así os puntos acadados en 2016 en Cerdanyola, pero coa magoa de saber que puido ser moito mellor de non ser por unha caída no inicio do sector ciclista de Víctor Bouzón, cando estaba entrando no grupo cabeceiro da proba. Aínda así o posto é moi meritorio, poir Víctor pesa á caída rematou 35º, o debutante na categoría Xián Castro acababa 93º, o recentemente recuperado dunha lesión Carlos Sendiño era 107º e Garikoitz Ruano, moi perxudicado polo posto de saída, era 207º. Agás este último, que en 2018 formará parte do equipo junior, os outros 3 repiten en cadete, o que os fai nun equipo moi a ter en conta no vindeiro ano

RANKING DE CLUBES E LIGA NACIONAL DE DUATLÓN

Como era obxectivo o club mantén intactas ata a última proba, que se celebrará en Avilés o 23 de abril o obxectivo de manterse en primeira división. Aínda que na categoría feminina parece máis doado non vai ser tarefa sinxela, pois pese a ocupar o posto 7º, non hai demasiado marxe ata o descenso e as baixas fannos acudir a cita cun equipo bastante mermado. Na proba masculina, pese a acadar un 9º posto na xornada e ascender un na clasificación da liga ata o posto 12º de primeira, o feito de que os nosos rivais máis directos acadasen grandes resultados, complican bastante o obxectivo da permanencia. Non obstante, tanto o equipo masculino como o feminino loitarán polo reto ata o final.

En canto ao ranking de clubes, malia perder o resultado do equipo sub23 feminino, a entradas dos puntos do junior masculino e a mellora das posicións do absoluto masculino e feminino e do sub23 masculino, permiten seguir na posición 18ª do ranking estatal.


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com