Desafío Illas Cies e tríatlon Pontenafonso poñen o peche a tempada


O mesmo día do bronce acadado en Xixón Alfonso López e Julio Mallo acababan 5º e 18º respectivamente no medio ironman Illas Cies. O pasado sábado en Pontenafonso os nosos deportistas pechaban a tempada co 3º posto de Jacobo Crego e o 1º do equipo feminino de relevos

Rematou a tempada 2016 para as categorías absolutas case ao mesmo tempo que se poñían a andar as escolas deportivas 2016-2017. E fixérono coma toda a tempada deixando en moi bo lugar o nome do noso club.

O pasado sábado 24 de setembro non soamente se disputaba o campionato de España de clubes de tríatlon, senón que en Vigo tiña lugar o Desafío Illas Cies. Proba de distancia medio ironman (1,9 qm natación, 90 qm ciclismo e 21,1 qm carreira). Na liña de saída dous dos nosos representantes, que pese a non estar en Xixón si contribuíron moi activamente nos resultados do club neste 2016 tanto nas probas puntuables para o ranking nacional, coma nas que compoñían a liga nacional de dúatlon, na que acadamos a permanencia en segunda división. Estes foron Alfonso López, que paraba o tempo en 4h 39' 55" o que lle daba o 5º posto no grupo de 40 a 44 anos e Julio Mallo, que ocupaba a posición 18º no grupo de 35 a 39 ao completar a distancia cun crono de 4h 51'55". Parabéns aos dous, pois o simple feito de rematar unha proba desta distancia xa merece un recoñecemento e se aínda encima se fai por debaixo das 5 horas folgadamente, doble mérito.

E o broche final foi o pasado sábado 1 de outubro no tríatlon Pontenafonso "Memorial Míchel", proba popular onde as haxa, pero que se está ano tras ano a converter nunha gran festa do tríatlon erixíndose no peche oficioso das tempadas dos distintos clubes. Gran actuación de Jacobo Crego, que obtivo un estupendo 3º posto na categoría absoluta e tamén moi reseñable o primeiro posto por equipos de Katia Senín, Aída García e Ángela Chapela. En Pontenafonso, proba de distancia sprint, tamén estiveron presentes Manu Dosil, Isma García, Pablo Cabanelas, Antón Barreiro, Sergio Oliveira, Sergio Marquiz, Manu Abuín e Alejo Alvite. Todos eles parte desta gran familia que ven de pechar un ano excepcional para a nosa entidade.

Agora toca un pequeno e ben merecido descanso e empezar a preparar a tempada 2017.


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com