O Olímpico salva un fin de semana que se presentaba complicado en Águilas


A non puntuación do equipo sub23 feminino de tríatlon, que fai perigar o top 20 nacional, contrasta coa medalla de ouro do mesmo equipo en acuatlón e coa prata de Aida García en 40 a 44 anos

Tarefa complicada era manter os puntos para o ranking obtidos o ano pasado na mesma cita celebrada en Pontevedra, e pese a non puntuar o equipo sub 23 feminino en tríatlon, o noso club sae de Águilas con media centena menos de puntos, o que lle permite seguir manténdose na cada vez máis dificil loita polo top 20, obxectivo vital para poder seguir medrando como club na vindeira tempada.

MEDALLAS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ACUATLÓN

A categoría feminina dou as dúas medallas que obtivo a expedición do noso club neste campionato. O equipo sub23 feminino, coa 17ª posición de Sofía Hipólito na categoría sub23 elite, Katia Senín 4ª acariñando o podio no grupo de 20 a 24 anos e Tania Suárez 6ª no mesmo grupo obtiña o campionato de España na modalidade. Aida García proclamábase subcampioa no grupo de 40 a 44 anos e a súa participación xunto coa de Katia en grupos e a de Sofía en elite facía que o Olímpico rematara na 17ª posición absoluta feminina.

Na proba masculina o representante do Olímpico en elite era Anxo Lema, que acadaba a o posto 55 na xeral e 28º en sub 23. Completaban a participación do club Luís Ferreira, que quedou a un posto de entrar na lista de saída elite, pero que rematou cuarto no grupo de 20 a 24 anos, Jacobo Crego 8º no grupo de 30 a 34 anos e Pablo Cabanelas 14º no grupo de 35 a 39 anos. Esta actuación situou ao Olímpico na posición 24ª da clasificación absoluta.

Na categoría cadete na proba de acuatlón os nosos deportistas raiaron a un moi bo nivel obtendo a 11ª posición con Víctor Bouzón no posto 46º, Cesar Otero 59º, Marcos Dobalo 92º e Carlos Sendiña 97º.

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON

No campionato de España de tríatlon representaba na proba elite masculina ao club Luís Ferreira, completando unha excelente proba e obtendo o posto 16º na categoría sub 23 e 37º en elite. En grupos de idade rozou o podio Jacobo Crego, que logrou o 4º posto no grupo de 30 a 34 anos. Anxo Lema rematou 15º en 20 a 24 anos e Pablo Cabanelas 40º no grupo de 40 a 44 anos, logrando o Olímpico un 23º posto na xeral.

Na proba feminina todas as nosas representantes tomaban a saída na proba elite. Gran actuación en elite para Sofía Hipólito 12ª sub23 e 29ª na proba elite absoluta e moi notable actuación tamén para Aida García na posición 70 e Katia Senín 24ª sub 23 e 81ª absoluta, as dúas debutando en elite. Peor sorte correu Tania Suárez, que foi dobrada no segmento ciclista non obtendo puntos así o equipo sub 23 feminino, compensado en parte pola gran puntuación obtida polo equipo absoluto ao lograr unha excelente 13ª posición.

Os cadetes tamén completaron unha actuación notable coa obtención do 14º posto. A nivel individual Víctor Bouzón rematou 79º, Cesar Otero 99º, Marcos Dobalo no posto 110 e Carlos Sendiña no 124.

VALORACIÓN DA PARTICIPACIÓN DO CLUB

Dos males o menor, pois o peche da inscrición en grupos de idade, obrigou ao club a inscribir a todos os deportistas en elite no campionato de España de tríatlon, feito que condicionaba moito a participación feminina. Conseguiuse salvar e mesmo mellorar o posto absoluto feminino do ano pasado en Pontevedra nas dúas categorías e iso, xunto coa boa posición tamén do equipo cadete, que mellorou en 10 postos a súa actuación de 2015, mitigou a perda dos puntos do equipo sub23, que en Pontevedra obtivera o subcampionato de España. No acuatlón chegaron as medallas para o club, co campionato na categoría sub23 feminina e a prata no grupo de 40 a 44 anos para Aida García. Nesta proba soamente puntúan para o ranking os resultados dos equipos absolutos e as posicións foron similares as do ano anterior. Tamén se puido constatar a evolución do equipo cadete na proba de acuatlón, que están na senda de amosar un gran potencial tanto na categoría cadete como na junior nos dous proximos anos.

O Olímpico sae de Águilas con moito risco de perder o top 20 do ranking, condición fundamental para seguir progresando como club. Neste campionato de non ser por iso non houberamos tido representación nas probas elite masculino e iso condiciona moito o resultado final do club no campionato. En relación a isto a valoración ten que se positiva, pois pese a quedar Jacobo Crego a dous posto de entrar na startlist de elite en triatlón, Luís Ferreira a 1 da de acuatlón e non puntuar o equipo sub23 logrouse mitigar a perda de puntos ao mínimo posible. Agora toca facer o propio en Pontevedra na Copa do Rei de triatlón e no campionato de España de triatlón por relevos


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com