MISIÓN CUMPRIDA EN BOIRO


Positivos sétimos postos en categoría masculina e feminina co obxectivo de lograr a permanencia ao final da liga de clubes de dúatlon

Boas prestacións as amosadas esta fin de semana en Boiro por parte dos nosos dous primeiros equipos masculino e feminino, no que constituía o debut na liga nacional de dúatlon do noso club na categoría de segunda división. Os dous equipos souberon sobrepoñerse aos percances e eivas físicas dos días previos e da propia competición para acadar dous postos que dan o primeiro paso para consolidar ao equipo na categoría.

PROBA MASCULINA


A proba masculina presentábase coa baixa de Sergio Oliveira, con algúns integrantes como Jacobo Crego, Anxo Lema e Miguel Daporta, con molestias físicas e con dous cadetes debutantes na distancia. Non obstante o equipo amosábase con opcións de dar un bo rendemento e cubríu as expectativas. Os primeiros 5000 metros de carreira mostraban o poderío de Manu Dosil (zapatilla desatada incluída), Kike Goce e Anxo Lema, mentres que Jacobo Crego e Miguel Daporta loitaban por manterse preto da cabeza, xunto co cadete Cesar Otero. Por atrás, o tamén cadete Marcos Dobalo, xunto con Alfonso López, Xurxo Carballo e Julio Mallo chegaban xuntos a transición.

No sector ciclista Jacobo protagonizou unha espectacular remontada cazando o grupo dianteiro soamente precedido por dous escapados do Mallorca Training e neste grupo tamén lobraban baixar na T2 Kike, Anxo e Manu, mentres que Miguel e Cesar baixaban un pouco mais atrás e o cuarteto de atrás quedábase en trío o perder Julio roda no sector ciclista. Finalmente na carreira a pé Manu Dosil, pese a correr coa zapatilla desatada lograba a 14ª posición, Kike Goce a 30ª, Jacobo Crego a 34ª (pese a unha caída), Miguel Daporta a 40ª, Anxo Lema pese a correr con dolor a 56ª, Cesar Otero a 57ª, Marcos Dobalo a 81ª, Xurxo Carballo a 82ª, Alfonso López a 84ª e Julio Mallo a 95ª. Finalmente un moi meritorio 7º posto por equipos que nos afianza en prol do noso obxectivo.


PROBA FEMININA


Na carreira feminina as connotacións eran similares as da masculina, con Ángela Chapela lesionada, o que xa facía que o club partira con unha integrante menos na grella de saída. Dentro das participantes, dúas das líderes do club entre algodóns e dúas debutantes. Así as cousas, no primeiro 5000 Aída García e Sofía Pereira mantíñanse preto da cabeza de carreira, mentres que Olivia Rodríguez, Tania Garabatos e Bea Lago mantíñanse na zona media, coa que trataban de non perder contacto Marta Suárez, tendo que pararse con molestias físicas, Katia Senín e Tania Suárez e máis retrasada viña Cristina Fernández. No sector ciclista Aída e Sofía colocábanse entre as 20 primeiras o final do sector ciclista e Bea protagonizaba unha gran remontada con Tania Garabatos a roda, que as facía baixar no grupo inmediatamente perseguidor, grupo que perdía Olivia, pero non por moitos metros. Mentres Katia e Tania Suárez baixaban un pouco máis rezagadas e Marta loitaba, pese aos infortunios, por entrar no tempo de corte. Máis atrás Cristina empezaba a carreira final sen opción de puntuar para o club. Finalmente Aída García remataba na 17ª posición pese a correr limitada, Sofía Pereira era 30ª, Bea Lago e Tania Garabatos, 38º e 39º, Olivia Rodríguez, 43ª no seu primeiro dúatlon, Katia Senín 55ª e cerraba a puntuación do club Tania Suárez 67ª. A pouco máis de un minuto do tempo de corte na posición 71ª remataba Marta Suárez, no que era o seu debut e pese a sufrir molestias e ter percances durante a proba e 74ª concluía Cristina Fernández, que pese a non ter moitos adestramentos nas pernas intentou botar unha man ao club. O obxectivo cumpríase tamén ao acadar idéntico posto que o equipo masculino, e superar todos os contratempos xurdidos.


En definitiva un moi bo sabor de boca o que deixa esta proba celebrada en Boiro, no campionato de España dúatlon por equipos, que constitúe a primeira xornada da liga de clubs, que se completará co campionato de España de dúatlon sprint o 2 e 3 de abril en Cerdanyola (2ª xornada), o campionato de España de dúatlon contrareloxo (3ª xornada) e o campionato de España de dúatlon por relevos (4ª xornada) o 23 e 24 de abril respectivamente en Soria. A estas citas o club acudirá co obxectivo de consolidar e na medida do posible mellorar as posicións acadadas na taboa clasificatoria, co claro obxectivo de lograr a permanencia entre os 20 mellores clubes de España da modalidade.


WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -
WhatsApp Image 2019-12-21 at 18.38.17 -

© CLUB OLÍMPICO DE VEDRA. San Fins de Sales s/n, 15885 Vedra (A Coruña). Teléfono 656 58 07 06. Email olimpicodevedra@hotmail.com